Do latín ó galego



Desde o século IX a lingua falada no extremo noroccidental da Península estaba tan diferenciada do latín, que podemos considera-la existencia de dúas linguas: latín e galego. Sen embargo non aparecerán textos escritos en galego ata finais do século XII, xa que o latín continuaba a se-la lingua de cultura dos documentos legais, da liturxia e do ensino, non só na Gallaecia, senón en toda a Europa medieval.

O documento literario máis antigo dos coñecidos hoxe é a cantiga satírica Ora faz ost'o senhor de Navarra de Joam Soares de Paiva, escrita cara ó ano 1200. Dos comezos do século XIII datan os primeiros documentos non literarios en galego, Noticia de Torto (1211) e o Testamento de Afonso III de Portugal ( 1214), mostras da prosa tabeliónica medieval.

Galicia constitúe xa desde o século VIII unha unidade política cos reinos de Asturias e León; malia esta situación, chega a acadar unha certa autonomía que lle permitiu conformarse como reino independente en determinados momentos dos séculos X, XI e XII. Neste contexto o galego é a lingua exclusiva no uso oral, cunha competencia minguante do latín na escrita. Ha se-la presión deste monolingüísmo oral o que leve no século XIII a unha situación de cooficialidade entre o galego e o latín nos documentos notariais, bandos, preitos, etc., aínda que o latín segue a posuí-lo estatus de lingua universal de cultura.
  

Reproducción do Libro dos Testamentos de Afonso O Casto.


Volver